Comunicación da RSE

Unha das últimas etapas do noso exercicio de xestión empresarial en materia de Sostibilidade é a comunicación aos nosos grupos de interese. Deberemos estar en disposición de presentar os nosos compromisos e resultados para que poidan ser avaliados e xulgados e, o máis importante, que nos sirvan de fonte de información que nos retroalimente e nos permita mellorar.

O exercicio de comunicación que propoñemos non deberemos velo como un mero instrumento de mercadotecnia, aínda que sen dúbida tamén ten este compoñente. É evidente que aquilo que non se comunica non crea valor.

A comunicación en materia de RSE e Sostibilidade debemos considerala como unha ferramenta clave que nos facilite coñecer e tomar o pulso aos nosos grupos de interese e, tendo en conta os datos que nos ofreza, mellorar ou reconducir as nosas estratexias e accións.

Como xa se dixo, unha clave fundamental e singular do exercicio da empresa responsable é saber escoitar os nosos grupos de interese e responder, na medida do posible, ás súas expectativas e inquedanzas. É dicir, deberemos comunicar e, posteriormente, escoitar as opinións sobre as nosas actuacións, graduándoas en función do peso específico que cada grupo de interese teña para a nosa empresa. Este exercicio permitiranos obter ideas para mellorar e elementos de contraste que, sen dúbida, achegarán elementos valiosos á nosa estratexia e xestión.

E para comunicar, do mesmo xeito que para outras actividades empresariais, disporemos de diversas ferramentas e canles. No ámbito da RSE, a ferramenta máis empregada e coñecida é a Memoria de Sostibilidade ou Memoria de Responsabilidade Social Empresarial, que tamén recibe outras denominacións como informe corporativo, social e ambiental.